venres, 22 de marzo de 2024

Día da poesía nos clubs de lectura

Celebramos o Día da Poesía no club de lectura de 4º ESO E estreando a radio para gravar varios audiopoemas recitados e comentados polo alumnado. Gustavo Adolfo Bécquer e Álvaro Cunqueiro voaron nas ondas radiofónicas grazas ás voces de Noa, Aurora, Gerrard, Jhostin, Estela e Mara.



No club de lectura de bacharelato celebrámolo tamén cunha lectura poética na biblioteca do alumnado, acompañada da exposición dos libros escollidos. Esta vez foron os versos de Luz Pozo Garza, Pablo Neruda, Curros Enríquez, Manuel María, Rosalía de Castro, Ana Fernández ou François Davo os que encheron de sensacións sonoras a biblioteca nas voces de Noa, Carla, Silvina, Irene, Marta, Katia, Andrea, Natalii, Héctor, Sara e Yara.

https://www.canva.com/design/DAF7ceMA1V8/vx8-H6TFf61w-b2PLa46cQ/edit?utm_content=DAF7ceMA1V8&utm_campaign=designshare&utm_medium=link2&utm_source=sharebutton






Tamén gravamos unha entrevista radiofónica ao poeta François Davo, profesor de Francés no noso instituto, realizada por Beatriz, Samuel e Claudia de 2bach D; François explicounos o que significa para el a poesía desde a súa propia experiencia, ensinounos os seus libros e recitou para nós un dos seus poemas. Naceu en Le Mans (Francia) pero leva vivindo na Coruña desde o 2000. Gañou o premio Esquío de poesía en 1993 coa obra Diario de la lluvia, recentemente traducida ao galego e reeditada en edición bibilgüe (Diario da choiva/Diario de la lluvia, ed. Alenta, 2021). Tamén escribiu O inmóbil impaciente, Ónix, abrollar e o libro de artista 4 voltas en colaboración con Tono Galán.



Feliz Día internacional da Poesía por moitos anos!


Nova lectura no club de bacharelato

 Unha vez completada a lectura de Senlleiras, e comentados os aspectos que máis nos chamaron a atención desta obra senlleira (nunca mellor dito), comezamos nova lectura.


Cinza, de Manel Cráneo, é unha novela gráfica baseada na novela A nosa cinza, de Xabier Alcalá. Ambientada no Ferrol da posguerra, cóntanos a transición entre a infancia, a adolescencia e a adultez do mozo protagonista. A ver que tal!

Maratón de lectura Rosalía de Castro

O venres 23 de febreiro celebrouse no instituto o Maratón de Lectura Rosalía de Castro, co gallo da conmemoración do nacemento da nosa principal autora. Os clubs de lectura da ESO participaron activamente realizando lecturas tanto da nosa benquerida escritora homenaxeada como doutras interesantes obras e autores/as. Unha xornada en que o noso salón de actos se encheu de literatura, lectoras e lectores que ateigaron de paixón coas súas voces o noso salón de actos.
























venres, 26 de xaneiro de 2024

En marcha as reunións lectoras dos clubs

 Este curso os diferentes clubs do Eusebio botaron a andar con moitas ganas. Semanalmente temos xa en marcha as xuntanzas lectoras dos clubs tanto da ESO como de Bacharelato e adultos. Boa andaina lectora no 2024!











Visita á Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil

O xoves 11 de xaneiro o club de lectura de 4º ESO asistiu a unha visita guiada pola biblioteca Infantil e Xuvenil de Durán Loriga a cargo das bibliotecarias Lorena e Betty.

Primeiro faláronnos das bibliotecas municipais como centros de recursos gratuíto á disposición da cidadanía, e esta en especial para o público infantil e xuvenil; informáronnos sobre a posibilidade de facerse socio de forma completamente gratuíta e de como facelo. Ademais presentaron as numerosas actividades que levan a cabo para dinamizar a biblioteca e fomentar a lectura, especialmente o club de lectura Elclú, dirixido a adolescentes, os martes de 18:30 a 19:30.

Seguidamente presentaron unha serie de xogos de mesa moi interesantes, de recente incorporación á biblioteca. Participamos nunha mini-partida de Ikonikus, un xogo ben divertido para identificar e expresar as nosas emocións a partir dun texto literario. Para rematar, percorremos libremente a biblioteca curioseando todo o material que alí hai, e como non, fixémonos socias e socios.

Agradecemos a Lorena e Betty a amabilidade e dedicación que sempre nos dedican. Convidáronnos a volver cando quixésemos, e xa estamos desexando repetir.

                                            Dulce Fernández Graña, coordinadora dos Clubs de Lectura do IES Eusebio da Guarda









martes, 19 de decembro de 2023

4º ESO E CORUÑEANDO POLOS MUSEOS DA CIDADE

O alumnado de 4º ESO E realizou nestas últimas semanas do trimestre unha serie de visitas aos museos da cidade, dentro do proxecto Coruñeando que se desenvolve este curso no noso centro desde a biblioteca.

Para comezar, visitaron a exposición Encontros na Casa Museo Casares Quiroga, onde o fotógrafo Gustavo García Roig lles ofreceu unha visita guiada, na cal foi explicando o proceso de creación das imaxes que compoñen a serie, tanto das tomadas en Puruchuco (Lima, Perú), como no dolmen de Axeitos (Ribeira, Galicia). A través da evocación do pasado, as imaxes transmiten a visión de dous lugares hoxe deshabitados mais que antigamente teñen servido como vivenda, lugar de reunión ou de rituais funerarios. Os dous lugares foron o foco de intensas actividades humanas, e hoxe as sombras das árbores no dolmen de Axeitos suxiren que ese espazo segue estando habitado.

Finalmente, Gustavo García Roig comentou como sentiu a necesidade de integrar a poesía coa imaxe, para o cal contou coa colaboración do poeta François Davo, quen soubo captar perfectamente a esencia dos dous lugares e percibiu os vestixios dos seres que os habitaron ou que seguen habitándoos, pois a gardiana, a cerva ou a egua percíbense na pedra, nas sombras, na claridade, e mesmo nos parece velas danzar. Días despois, François Davo realizou un obradoiro na aula no cal descubrimos entre todas/os novas formas agachadas na pedra do dolmen, así como na arquitectura da construción de Puruchuco.

Outra interesante visita foi a da Casa Museo Picasso, e para rematar, o xoves 21 irán ao Museo Arqueolóxico do Castelo de Santo Antón. Estas actividades serán publicadas en breve no xornal Coruñeando, realizado polo alumnado de 4º ESO E.

Felices festas!

VISITA Á EXPOSICIÓN ENCONTROS, CASA MUSEO CASARES QUIROGA








OBRADOIRO DE FOTOPOESÍA CO POETA FRANÇOIS DAVO












VISITA Á CASA MUSEO PABLO PICASSO